Saturday 18 de May de 2024

Política Social fomenta o coñecemento das oportunidades que ofrece o rural á mocidade a través do programa Emprural


O proxecto alterna formación práctica e teórica en empresas da contorna que permite aos participantes descubrir as necesidades e oportunidades do territorio

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta mañá un encontro na Casa Grande de Xanceda cos participantes do programa Emprural, orientado a dar a coñecer ás mozas e mozos as oportunidades laborais do seu entorno. Alí felicitou aos participantes na última edición pola súa aposta por un rural activo e produtivo.

Os destinatarios desta iniciativa formativa foron mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar. A finalidade do proxecto foi facilitar a súa orientación profesional e futura inserción sociolaboral en comarcas locais, ofrecendo apoio e acompañamento personalizado no proceso de elaboración e materialización dos seus proxectos.

Así, a actividade estivo formada por seis bloques: o primeiro foi de inscrición e formación de grupos de traballo; no segundo realizouse un safari de emprego polos territorios que contou cunha parte de sesións teóricas e outra de sesións prácticas grupais e individuais, así como visitas a iniciativas empresariais de referencia; a terceira actividade foi a formación básica e específica para a inserción laboral; en cuarto lugar deuse formación na empresa con estadías por participante de 60 e 360 horas; outra das actividades do proxecto foi o seguimento individual; e por último, un último bloque de conclusións e captura de proxectos.